Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Boqueixón destinará o POS+ 2022 ao arranxo de 31 estradas de todas as parroquias do municipio


O alcalde explica que para a elaboración do plan “valoráronse proxectos de obras por máis de 900.000 euros, que tentaremos acometer con cargo ao Remanente de Tesourería”

O Pleno de Boqueixón, reunido en sesión extraordinaria e telemática na noite de onte mércores, aprobou o Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+2022, que suma un total de 379.262,43 euros. Un plan que o Goberno municipal destinará ao arranxo de 31 estradas do municipio, atendendo ás necesidades detectadas nas distintas parroquias. O POS+2022 foi aprobado cos votos a favor do PP e o voto en contra de Veciños de Boqueixón.

O alcalde, Manuel Fernández Munín, explicou que “a elección das obras fíxose atendendo ao estado das estradas, polo que destinaremos os 198.737,40 euros da Achega Provincial 2021 aos viarios en peor estado de conservación e as demais as incluiremos no Plan Complementario”. O alcalde de Boqueixón indicou que o equipo de Goberno “valorou proxectos de obras por máis de 900.000 euros” e anunciou que “tentaremos acometelos todos eles con cargo ao Remanente de Tesourería”.

Así, o Concello de Boqueixón destinará os 180.525,03 euros da Achega 2022 a gasto corrente, que serán investidos sobre todo a costear o consumo enerxético. Así mesmo, o Concello decidiu renunciar aos 13.539,38 euros do Préstamo 2022 “xa que non temos ningunha débeda bancaria”, puntualizou Fernández Munín.

31 actuacións en estradas

Os 198.737,4 euros da Achega 2021 investiranse en dous proxectos de obra de mellora do firme de 21 camiños municipais. Así, o proxecto de mellora do firme do acceso á Carballeira (Sucira) e outros investirá 104.150,3 euros na mellora do firme dunha ducia de viarios:
1- Acceso á Carballeira (Sucira)
2- Interiores en Reboredo
3- Camiño en Maravexás
4- Camiño de Casalvieito á AC-240
5- Camiño da Fonte de Loureiro
6- Camiño da AC-240 ata o límite con Touro
7- Camiño da AC-960 a Mato
8- Interiores en Vilaboa
9- Interior en Senande
10- Camiño da AC-261 ao Monte do Rubio
11- Accesos en Vilaboa
12- Interiores en Piñeiro de Abaixo

Pola súa banda, o proxecto de mellora do firme do camiño de Rodiño Pequeno a Casanova e outros, cun orzamento de 94.587,10 euros, inclúe melloras na plataforma dos seguintes nove viarios:
1- Do camiño de Rodiño Pequeno a Casanova
2- Do camiño da Cooperativa ao parque de Gándara
3- Interiores en Gándara
4- De Deseiro de Arriba a Quián
5- Acceso a camiño de servizo en Lestedo
6- Rúa Leoncio Millán
7- Da pista da travesía de Milleirós ao acceso aldea
8- Da pista da travesía de Milleirós a Salgueiral
9- Da pista de acceso ao cemiterio de Rubial

Así mesmo, o Pleno aprobou un Plan Complementario por un importe de 288.218,4 euros distribuídos en tres proxectos de obras:
1- Mellora do firme dende o cruce de Ardilleiro Grande ao cruce de Ardilleiro Pequeno, por un importe de 106.451,29 euros.
2- Mellora do firme do viario do camiño de Pumares á fábrica de formigón, por 102.376,08 euros. Este proxecto inclúe un total de 6 actuacións de mellora de viarios:
– Do camiño de Pumares á fábrica de formigón
– Da Pena ao límite con Touro
– Do polígono industrial a Deseiro de Arriba
– Do camiño de Quián a Ardilleiro
– Do camiño de Ramil á rúa Tucho Quinteiro
– Dunha pista en Pazos
3- Mellora do firme do viario do camiño dende o cruceiro de Pousada a Granxola e outros, por 79.391,03 euros. O proxecto inclúe tres actuacións de mellora de viarios:
– Do camiño dende o Cruceiro de Pousada a Granxola
– Do camiño de AC-240 a Loureiro
– Do camiño de Pumariño a cruce da estrada Igrexa

O voceiro de Veciños de Boqueixón anunciou o voto en contra do seu grupo debido á caída dun 20% na achega provincial 2021 e do 32% no Plan Complementario con respecto ao ano pasado. Pola súa banda, o voceiro do Grupo de Goberno, José Manuel Iglesias, destacou que o Concello destinará estes cartos “a 31 actuacións que se desenvolverán en 2022 en distintas estradas atendendo ás necesidades detectadas nas distintas parroquias do concello”, lembrando que “estamos abertos a calquera suxerencia da oposición”, destacando que “o consenso é fácil porque a elección responde a necesidades reais”. Un punto no que o alcalde puntualizou que “se atenderon algunhas demandas dos concelleiros da oposición”.

Unanimidade no Plan Adicional

O Plan Adicional 2022 para gastos sociais foi aprobado por unanimidade, a pesar das queixas do voceiro da oposición da redución de case un 50% das achegas da Deputación da Coruña con respecto ao ano anterior e a desaparición de achegas como as destinadas a EPIS ou dixitalización. O alcalde explicou que os 63.183,76 euros do plan serán investidos, sobre todo, no servizo de atención á dependencia, nas súas distintas modalidades, así como na financiación do programa de prevención de dependencias, material de estimulación cognitiva para os maiores e atención de persoas en situación de necesidade.

Finalmente, o pleno aprobou tamén por unanimidade unha modificación do artigo 5 da ordenanza da escola infantil Raíña Lupa.